San Bieito, festivo local, celébrase este sábado sen comida popular nin orquestras

Pontevedra
10 de xullo 2020

Van manterse as actuacións musicais con pasarrúas durante a xornada pero o Concello quere evitar que se produzan concentracións de persoas. Segundo o párroco, o acceso á igrexa estará limitado a 125 persoas. Os efectivos de Protección Civil non regularán o acceso, que será controlado por tres porteiros

Festa de San Benitiño de Lérez 2019
Festa de San Benitiño de Lérez 2019 / Diego Torrado

Pontevedra celebra este sábado 11 o festivo local de San Bieito coa popular romaría na parroquia de Lérez pero coas limitacións derivadas das instrucións establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a expansión do coronavirus.

Por este  motiivo, o Concello de Pontevedra suspendeu a comida popular con mexillóns e empanada, ademais da verbena nocturna. Pola contra está previsto que se manteñan as dianas e alboradas, con pasarrúas de grupos tradicionais que actuarán ao longo de toda a xornada de maneira itinerante. Segundo apuntan desde o goberno local tentarase evitar concentracións de persoas nun mesmo punto.

Será obrigatorio o uso da máscara de protección e o acceso ao templo atópase limitado a 125 persoas. No interior atoparase un  dispensador de xel  hidroalcohólico que funciona a través da presión co pé, segundo explicaba o párroco Crisanto Rial nunha entrevista concedida a Belén Hermida en Radio Pontevedra.

Ademais, está previsto que tres porteiros regulen a entrada e saída de fieis á igrexa evitando aglomeracións nos accesos. Nesta ocasión, os efectivos de Protección Civil só encargaranse de atender algún caso de emerxencia que se produza no exteriores pero non asumirán o control de entrada e saída de persoas polas tres portas da capela. 

Os bancos contarán con sinais para que os asistentes ás misas manteñan as distancias de 1,5 metros establecidas para evitar o risco de contaxio. E ao remate de cada misa, representantes da parroquia  desinfectarán os asentos. Venderase o aceite "milagreiro" tradicional nunha dependencia próxima pero suprímese a comercialización doutro tipo de produtos.