San Patricio achegará unha cata comentada de cervexas artesás ao Espazo Gastronómico do Mercado

Pontevedra
08 de marzo 2022

Será o 17 de marzo para persoas maiores de idade que deberán inscribirse previamente a esta sesión gratuíta na que se explicarán os estilos clásicos e os novos formatos da cervexa

Espazo gastronómico do mercado de abastos de Pontevedra
Espazo gastronómico do mercado de abastos de Pontevedra / Cristina Saiz

O 17 de marzo celébrase a tradicional festividade irlandesa de San Patricio e Pontevedra acollerá esa data cunha cata comentada de cervexas artesanais no Espazo Gastronómico do Mercado de Abastos de Pontevedra.

A proposta será gratuíta e destínase a persoas maiores de idade previa inscrición a través do correo electrónico [email protected]

Esta cata comentada de cervexas artesanais está impulsada polas firmas Meiga e Nasa en colaboración coa concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe Yoya Blanco. A concelleira afirma que nesta actividade explicaranse os estilos clásicos e os novos formatos deste produto de lúpulo e cebada. Tamén se falará das bondades que o formato en lata ofrece para a cervexa artesanal e degustaranse as cervexas Brétema, de Meiga; e Revolta, de Nasa.

Brétema é unha cervexa dourada de cinco graos con sabor afrutado e refrescante mentres que Revolta é unha Indian Pale Ale loura, cítrica e aromática, con amargor medio, con lúpulos norteamericanos e centroeuropeos.