San Patricio volve con 'pintas' verdes

Pontevedra
13 de marzo 2018

A Praza de España prepárase para acoller a xa célebre festividade de San Patricio, organizada por Mareantes Rugby Club. Dende o mércores 14 ata o domingo 18, a carpa preparada para a ocasión será a protagonista indiscutible do lecer pontevedrés

Festa de San Patricio 2017 na Praza de España
Festa de San Patricio 2017 na Praza de España /

Dende o mércores 14 ata o domingo 18, os amantes da cervexa poderán achegarse ata a Praza de España para gozar de novo desta multitudinaria festa gastronómica organizada polo Mareantes Rugby Club.

O afamado chef Pepe Solla será de novo o encargado de deseñar a tapa típica deste ano, un estupendo "bocadillo de calamares en pan triscante con maionesa de lima e cedeira", que acompañará ás salchichas irlandesas, hamburguesas e doces tradicionais, sen roubarlle importancia á raíña da festa, a cervexa.

Ás xa habituais Guinness "negra", a "roxa" Murphy's e a "rubia" Fosters, se lles suma a cervexa artesana Nasa, elaborada por veciños e patrocinadores, que o sábado servirán unha cervexa verde feita especialmente para homenaxear a San Patricio.

A celebración contará como outros anos con actuacións musicais, esta vez a cargo dos grupos "Coverstone", "La pistola del manco", "Banda Sr Nilsson" e "Desconcierto", ademáis dunha exhibición de bailes modernos, hip-hop e 'modern jazz', a cargo da Escola de Danza "Talento Dance Studio". 

A apertura de portas será o mércores ás 13:00 horas e o horario do resto dos días será de 12:00 a 00:00.