San Roque, primeiro barrio no que haberá unha "limpeza cero" co novo contrato de residuos

Pontevedra
06 de xuño 2025
Actualizado: 12:49

Ao terminar en San Roque, esta mobilización continuará de maneira progresiva coas outras seis áreas zonificadas. O centro histórico e Monte Porreiro contarán co seu propio operativo especial

Un traballador efectúa labores de limpeza nunha rúa de Pontevedra
Un traballador efectúa labores de limpeza nunha rúa de Pontevedra / Mónica Patxot

A entrada en vigor do novo contrato de residuos comezará a notarse nas rúas a partir da próxima semana. Esta "nova etapa", segundo o edil responsable desta área, Xaquín Moreda, abrirá con accións relacionadas coa limpeza viaria da cidade.

Os primeiros recursos dispoñibles para reforzar o servizo son os traballadores que se incorporaron xa ao persoal de PreZero, a empresa responsable deste contrato. Son xa "entre oito e dez", explicou Moreda, pero de maneira gradual irán chegando máis.

Todos eles serán os encargados de realizar "limpezas cero" polos barrios da cidade, comezando polo de San Roque, unha das sete áreas nas que, no marco do novo contrato de xestión, se zonificou todo o centro urbano de Pontevedra.

Ese será o seu labor, polo menos, mentres non chegue a nova maquinaria que PreZero deberá incorporar ao traballo diario do servizo.

Será un dispositivo "bastante amplo", afirmou o concelleiro do BNG, composto por oito operarios a pé, dúas cubas de baldeo, un tractor con pa frontal, un equipo de chorro a presión, varredoras de calzada, rozadoras e equipos auxiliares.

A partir do martes e durante toda a semana -excepto o domingo-, este operativo estará a traballar en todo o ámbito entre a ponte da Barca, Paseo de Colón, Raíña Vitoria, Palamios, as rúas da desembocadura do Gafos, Beiramar e toda a zona da Moureira.

Ao terminar en San Roque, esta mobilización de limpeza continuará de maneira progresiva coas outras seis áreas zonificadas. O centro histórico e Monte Porreiro non están entre elas porque contarán co seu propio operativo especial.

A seguinte acción enmarcada dentro do novo contrato será a repartición a domicilio dos novos composteros individuais. Até agora entregáronse 3.800 unidades e hai unhas dez solicitudes pendentes. O Concello ten almacenados até tres mil composteros máis.

Ao mesmo tempo, retomaranse as charlas informativas por parroquias na que a xente poderá apuntarse a este sistema de reciclaxe dos residuos orgánicos e reforzaranse os traballos de control e asesoramento por parte do persoal da empresa.