O alcalde de Poio, Ángel Moldes trasladouse este xoves ata o local social de Tarrío, en Samieira, para atender á veciñanza a través do programa de participación "O teu alcalde, máis preto de ti".
Ao longo da mañá, achegáronse máis de vinte persoas para falar directamente co rexedor e trasladarlle algunhas das inquedanzas e propostas para mellorar a calidade de vida da veciñanza deste lugar.
Transporte, melloras nos accesos á praia de Caeiro e os proxectos da PO-308 e PO-303, foron algunhas das inquedanzas que trasladaron os veciños.
Este programa fomenta a participación de todas as persoas ás que, polo motivo que sexa, lles resulta máis complicado achegarse ata a Casa do Concello.
O pasado mércores 16 o despacho da Alcaldía visitou Combarro onde as demandas máis repetidas por parte da veciñanza foron a necesidade de aumentar as prazas de aparcamento público, as dificultades que teñen os residentes no acceso ao casco vello, propostas para adecentar o acceso á Escola do Campo e a importancia de seguir incidindo na campaña para manter as rúas limpas dos excrementos dos animais.
E o luns 7 de outubro, Ángel Moldes trasladouse ata o local social de Campelo onde algúns dos asuntos tratados repetiron na necesidade de ampliar as prazas de aparcamento en lugares como a contorna do colexio de Lourido, a organización de actividades e eventos ou a posibilidade de trasladar o punto limpo móbil do Concello de Poio ata a Praza da Granxa algún día ao mes para facilitar a reciclaxe.
Neste caso, moitos veciños tamén amosaron a súa curiosidade polo futuro centro de día de Poio, que se vai instalar na antiga gardería de Campelo.
Esta inciativa iniciouse no Pazo de Besada onde a veciñanza de San Salvador solicitou ao alcalde a instalación dunha marquesiña entre as rúas Benigno Esperón e Valiña, a organización de sesións de baile os domingos pola tarde, substituír o cartel do lavadoiro de Oliveira, na Barca, así como outras tarefas de mantemento, como pintados de pasos de peóns en Ánkar, prazas de aparcamento da Caeira ou reposicións de beirarrúas.
O vindeiro mércores 30 de outubro, a Alcaldía trasladarase ao Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, de 10.00 a 13.00 horas.