Sánchez Gordillo, o polémico alcalde de Marinaleda, clausurará a Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
23 de febreiro 2018

A nova edición do foro aberto realizarase no Teatro Principal de Pontevedra do 2 ao 6 de abril. O tema deste ano céntrase no valor da comunidade desde diferentes perspectivas de estudo

As membros da Aula Castelao na presentación da XXXV Semana Galega de Filosofía
As membros da Aula Castelao na presentación da XXXV Semana Galega de Filosofía / PontevedraViva

O Teatro Principal de Pontevedra será, un ano máis, o escenario da Semana Galega de Filosofía, que alcanza este 2018 a súa 35ª edición. Do 2 ao 6 de abril, este foro aberto organizado pola Aula Castelao de Filosofía en colaboración coa Universidade de Vigo tratará o tema da comunidade desde distintos ángulos, cunha programación repleta de relatores especializados en temas como filosofía, socioloxía, economía ou historia.

Se a saúde social foi o tema central do anterior ano, esta vez a recuperación do común fronte ao individualismo está no punto de mira de 'Filosofía e ou común', o nome que reciben estas xornadas.

O cartel, presentado este venres 23 de febreiro no Parador, exhibe unha lámina publicada en 1918 no xornal A Nosa Terra. Nel obsérvase a reivindicación por parte de Castelao da Revolución de Outubro, coas figuras do xordo e o cego, que ignoran unha marabunta que sostén un cartel que reza "Terra nosa!". 

Nese contexto reivindicativo que reclama a colectividade desenvolverase a Semana, cuxa lección de clausura darase da man do político e sindicalista Juan Manuel Sánchez Gordillo, unha figura sen dúbida en consonancia co tema tratado durante eses días.

Sánchez Gordillo, estreitamente vinculado co movemento nacionalista andaluz, é alcalde do municipio sevillano de Marinaleda. O seu nome saltou aos medios nacionais en 2012, por capitanear o asalto a dous supermercados en Sevilla e Cádiz. O máximo responsable da Candidatura Unitaria de Traballadores (CUT) poñerá o punto final aos cinco días de foro aberto e gratuíto, que dará a posibilidade aos asistentes de participar en debates posteriores ás conferencias.

A programación está repartida entre mañás, tardes e noites, cos seus respectivos temas. No caso das mañás, que discorrerán entre as 10.30 e 13.30 horas, 'Pensar a res pública' traerá problemáticas como a situación actual da muller da man da escritora, profesora e activista feminista Silvia Federici, ou a aproximación á islamofobia nas sociedades actuais pola autora de 'A trampa do veo', Ángeles Ramírez Fernández.

Polas tardes, de 17.00 a 19.30 horas é a quenda de 'Os retos de Galicia como comunidade', con relatores como o doutor en ciencias e  etnomusicólogo Pablo Carpintero Arias, ou a socióloga Belén Fernández Suárez, que se centrarán no tema da colectividade galega desde a perspectiva da música e os movementos migratorios.

As noites de 20.00 a 22.00 horas centraranse nos retos contemporáneos con 'O común na encrucillada; os retos da construción do común na época contemporánea'. A renda básica, explicada polo doutor en Ciencias Económicas Daniel Raventós Pañella ou o 'emotivismo individualista e ciberfetichismo' tratados polo filósofo, sociólogo e ensaísta César Rendueles Menéndez Chairo serán algúns dos temas tratados nas dúas últimas horas diarias.