Sánchez Gordillo visita o Concello antes de pechar este venres a Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
06 de abril 2018

Juan Manuel Sánchez Gordillo, alcalde de Marinaleda, será o encargado de pechar a XXXV edición da Semana Galega de Filosofía este venres ás 20:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra, coa conferencia "Lección de clausura" onde exporá o seu punto de vista sobre a situación do común na actualidade

O alcalde de Marinaleda Juan Manuel Sánchez Gordillo asina no libro de honra do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Juan Manuel Sanchez Gordillo presume de ser alcalde de Marinaleda, un municipio de Sevilla onde os habitantes poden acceder á vivenda por 15 euros ao mes e gozar de instalacións como a piscina comunitaria por 1,8 euros ao ano. Será o encargado de pechar a Semana Galega de Filosofía, que este ano está adicada ao común.

Sánchez Gordillo é un personaxe coñecido pola súa forma de loitar contra o capitalismo, como foi o asalto a varias cadeas de supermercados en 2012 para roubar alimentos de primeira necesidade e darllos a persoas en situación de exclusión social. Este "Robin Hood" da modernidade declárase abertamente anticapitalista, antiimperialista e avoga pola loita mediante a non violencia.

Este venres pechará o ciclo de conferencias coa súa Lección de clausura, onde dará o seu punto de vista sobre a realidade que vivimos hoxe en día, tocando gran variedade de temas tan candentes e moi á orde do día como é o uso de armas por parte da OTAN ou o dereito á vivenda digna.

O relator foi recibido polo Alcalde este xoves no edificio do Concello de Pontevedra, onde escribiu unhas liñas no libro de honra e posteriormente fixo unhas declaracións sobre o relatorio que terá lugar este venres ás 20:00 horas no Teatro Principal.

Na mesma exporá as súas valoracións sobre a situación do público e o social na actualidade. Nas súas declaracións afirma que tentará dicir ás claras as contradicións que ten o sistema, como a perda de soberanía dos pobos, a perda da liberdade e de dereitos, e expor como cada vez máis o gran ladrón da soberanía é o "imperialismo económico".

Tamén asegura que a utopía non é unha cousa inalcanzable, senón que aqueles soños máis nobres do ser humano mediante a loita pacífica pódense converter en realidade. Tamén asegura que a loita debe ser non violenta e que a carreira de armamento debe acabarse de parte de todos os países.