O saneamento da ría de Pontevedra suma un novo investimento millonario en Poio

Poio
20 de maio 2026

O Concello de Poio e Augas de Galicia asinarán un novo convenio de 4 millóns de euros para optimizar o saneamento no municipio

A Seca Concello de Poio

O Concello de Poio e Augas de Galicia formalizarán un novo convenio de colaboración para impulsar varias actuacións destinadas a reforzar o sistema de saneamento municipal e avanzar na mellora da calidade das augas da Ría de Pontevedra.

O acordo inclúe a construción dun depósito de retención na contorna do actual recheo, a renovación do bombeo da Barca e a execución de dous aliviadoiros de seguridade.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, deu conta deste convenio durante a Comisión Informativa de Facenda celebrada este mércores.

O documento será sometido agora á aprobación do pleno ordinario correspondente ao mes de maio.

As actuacións previstas contarán cun investimento global de catro millóns de euros. A maior parte do financiamento, o 80%, será asumida por Augas de Galicia a través de fondos europeos FEDER, mentres que o Concello achegará o 20% restante.

O proxecto enmárcase nas medidas recollidas no Plan de Saneamento Local da ría de Pontevedra, que afecta aos municipios de Poio, Marín e Pontevedra.

Este documento identifica diversas deficiencias na rede actual, entre elas a entrada de auga do mar nas canalizacións, os alivios provocados durante episodios de fortes choivas e problemas derivados das infiltracións.

Co obxectivo de reducir estas incidencias e mellorar o tratamento das augas residuais, o convenio contempla a creación dun tanque de tormentas nas proximidades do bombeo de recheo actual.

A infraestrutura contará cun depósito soterrado con capacidade para 600 metros cúbicos e cun sistema de bombeo capaz de mover ata 60 litros por segundo.

Ademais, habilitarase unha nova impulsión conectada cun colector que conducirá as augas por gravidade ata o bombeo de Froiz, evitando así o paso pola estación de Saíñas.

Segundo recolle o proxecto, o depósito permanecerá completamente enterrado, o que permitirá integrar mellor a instalación na contorna e recuperar a superficie como zona verde de uso público.

Este novo convenio súmase ás actuacións que xa executan conxuntamente a Xunta e o Concello a través doutro acordo tamén valorado en catro millóns de euros.

Nese plan inclúense a construción dun tanque de tormentas na Seca, a modernización dos bombeos do peirao de Campelo e Miradoiro e a adaptación do bombeo de Froiz para optimizar o seu funcionamento.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora