En apenas uns días comezarán as obras de mellora e ensanche do camiño municipal que dá acceso ao lugar de Calva da Viña, na parroquia de San Xurxo de Sacos.
Esta actuación contará cun investimento de 50.000 euros, financiado a través dunha subvención da Consellería do Medio Rural.
Permitirá actuar sobre un tramo de preto de 200 metros de lonxitude para mellorar a seguridade, accesibilidade e calidade dos servizos que reciben os veciños desta zona rural.
As obras contemplan a instalación dunha nova rede de saneamento, ampliando así a cobertura deste servizo básico ás vivendas situadas ao longo do vial.
Ademais, executarase o ensanche de dous tramos do camiño para facilitar a circulación de vehículos e mellorar a súa funcionalidade, completándose a actuación coa pavimentación integral mediante aglomerado asfáltico en quente.
Durante a visita de comprobación, os responsables municipais e técnicos revisaron sobre o terreo os detalles do proxecto e o plan de execución previsto, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento dos traballos desde o seu inicio.
O alcalde destacou que esta intervención supón unha nova "mostra do compromiso" do goberno municipal coa mellora das infraestruturas do rural e coa prestación de servizos de calidade á cidadanía "independentemente do núcleo no que residan”.
A chegada da rede de saneamento a Calva da Viña "responde a unha demanda necesaria para seguir avanzando na mellora da calidade de vida da veciñanza e na protección ambiental do territorio", engadiu Jorge Cubela.
A actuación forma parte da estratexia municipal de modernización e conservación da rede viaria local e de ampliación dos servizos públicos nas zonas rurais do municipio.