Sanidade está pendente do visto e prace a Pfizer para empezar a vacinar aos menores de 12 anos

Pontevedra
22 de setembro 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, referiuse á vacinación aos menores de 12 anos e avanzou que están pendentes do visto e prace da Axencia Europea do Medicamento ( EMA) para comezar a inocular canto antes aos nenos menores de 12 anos.

Unha dose da vacina contra a Covid-19
Unha dose da vacina contra a Covid-19 / Mónica Patxot

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, referiuse á vacinación aos menores de 12 anos e avanzou que están pendentes do visto e prace da Axencia Europea do Medicamento (EMA) para comezar a inocular "canto antes" aos nenos menores de 12 anos.

"Estamos pendentes dos resultados de Pfizer", asegurou o conselleiro, "en canto se pronuncie –a EMA- estamos a traballar para nese momento ter todo preparado para iniciar canto antes esa vacinación", dixo García Comesaña.

Este grupo dos menores de 12 anos está a converterse no de maior incidencia acumulada da poboación, polo que se teme que os máis pequenos poidan converterse na vía de entrada do virus nos fogares nos que conviven con persoas máis vulnerables.

Este luns, Pfizer e BioNTech emitiron un comunicado no que aseguran que a súa vacina é eficaz para os menores de 5 a 11 anos. O consorcio xermano estadounidense sostén que a súa vacina contra a covid provoca unha resposta inmune tan potente en nenos de 5 a 11 anos como en adultos novos a pesar de utilizar unha dose tres veces máis baixa, segundo os primeiros resultados dun ensaio clínico en poboación infantil.

O conselleiro de Sanidade tamén se referiu ao grupo de mozos de 12 a 19 anos "hai que destacar que o 91,2% teñen polo menos unha dose". Ademais o 83,2% deste grupo de idade ten a pauta completa, estes datos supoñen a porcentaxe máis elevada de toda España, segundo indicou Comesaña.