Sanidade garante que o novo Montecelo será un hospital de xestión "100% pública"

Pontevedra
05 de maio 2016

O novo Montecelo que proxecta o Sergas será un centro hospitalario "100% público", segundo garantiu este xoves o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nunha visita á cidade de Pontevedra. Cumprirase así a única condición que puxeron os comuneiros de Montecelo para manter a cesión dos terreos nos que se sitúa o hospital e cuxa titularidade viron recoñecida polos xulgados.

Visita do conselleiro de Sanidade ás novas salas de espera de Urxencias de Montecelo Cristina Saiz

O novo Montecelo que proxecta o Sergas será un centro hospitalario "100% público", segundo garantiu este xoves o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nunha visita á cidade de Pontevedra.

Cumprirase así a única condición que puxeron os comuneiros de Montecelo para manter a cesión dos terreos nos que se sitúa o hospital e cuxa titularidade viron recoñecida polos xulgados.

"Os hospitais do Sergas son todos públicos, de propiedade pública e que ofrecen un servizo público", sinalou o titular de Sanidade, que engadiu que Montecelo tamén manterá esa xestión pública.

O único que será privatizado, "como no resto dos hospitais", serán servizos como a cafetería ou o mantemento das instalacións.

Vázquez Almuíña, que esta semana iniciou unha segunda rolda de contactos cos profesionais da sanidade pontevedresa, os sindicatos, os comuneiros e as asociacións de veciños, recoñeceu que a ampliación de Montecelo é a opción preferida de forma maioritaria entre os seus interlocutores, fronte á opción de Monte Carrasco.

Por iso, o seu departamento manterá unha nova reunión co Concello de Pontevedra a próxima semana para avanzar nos detalles do proxecto deste Gran Montecelo que vai mellorar "moitísimo" a sanidade pontevedresa para os próximos "vinte ou trinta anos".

A intención de Sanidade é fixar co goberno municipal unha data para asinar un convenio baixo o que se regule os compromisos de cada administración para afrontar este proxecto de forma que o Concello "nos dea facilidades para facer as cousas".

Arquivado en