Sanidade lembra que a vacina da gripe segue dispoñible para quen aínda queira protexerse

Pontevedra
11 de xaneiro 2026

A campaña oficial rematou, pero é posible solicitar a vacina nos centros de saúde mentres haxa doses. Desde a consellería de Sanidade sinalan que o virus continúa circulando

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, vacinándose da gripe
Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, vacinándose da gripe / Consellería de Sanidade

Galicia superou as cifras de vacinación da gripe da pasada tempada, cun total de 877.213 persoas inmunizadas e melloras en todos os grupos da poboación diana, segundo a Consellería de Sanidade.

Os datos destacan especialmente o incremento da cobertura entre o persoal sanitario, que acadou máis do 66 %, 12 puntos máis que en 2024, así como entre as embarazadas, que superan o 48 % e os maiores de 65 anos, con máis do 73 % de vacinados.

En maiores de 70 anos, a cobertura chega ao 76,6 %, e entre os maiores de 80 ata o 82,5 %, confirmando que oito de cada dez persoas nesta franxa de idade están vacinadas.

No caso da poboación infantil, a taxa nos menores de 6 a 59 meses mantense por riba do 65 %, e a extensión da campaña ata os 11 anos permitiu alcanzar unha cobertura do 56,22 % neste grupo.

A Consellería lembra que, a pesar de que a campaña oficial xa rematou, todas as persoas interesadas poden seguir vacinándose mentres existan doses dispoñibles, solicitando cita de enfermería no seu centro de saúde.

Recomendan manter a prevención ante a persistencia da circulación do virus gripal.