Sanidade lembra que a vacina da gripe segue dispoñible para quen aínda queira protexerse

Pontevedra
11 de xaneiro 2026

A campaña oficial rematou, pero é posible solicitar a vacina nos centros de saúde mentres haxa doses. Desde a consellería de Sanidade sinalan que o virus continúa circulando

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, vacinándose da gripe Consellería de Sanidade

Galicia superou as cifras de vacinación da gripe da pasada tempada, cun total de 877.213 persoas inmunizadas e melloras en todos os grupos da poboación diana, segundo a Consellería de Sanidade.

Os datos destacan especialmente o incremento da cobertura entre o persoal sanitario, que acadou máis do 66 %, 12 puntos máis que en 2024, así como entre as embarazadas, que superan o 48 % e os maiores de 65 anos, con máis do 73 % de vacinados.

En maiores de 70 anos, a cobertura chega ao 76,6 %, e entre os maiores de 80 ata o 82,5 %, confirmando que oito de cada dez persoas nesta franxa de idade están vacinadas.

No caso da poboación infantil, a taxa nos menores de 6 a 59 meses mantense por riba do 65 %, e a extensión da campaña ata os 11 anos permitiu alcanzar unha cobertura do 56,22 % neste grupo.

A Consellería lembra que, a pesar de que a campaña oficial xa rematou, todas as persoas interesadas poden seguir vacinándose mentres existan doses dispoñibles, solicitando cita de enfermería no seu centro de saúde.

Recomendan manter a prevención ante a persistencia da circulación do virus gripal.