Sanidade organiza o sábado un cribado para 1.300 veciños de Cerdedo-Cotobade de 20 a 49 anos

Cerdedo Cotobade
26 de agosto 2021

A Consellería decidiu organizar un cribado para intentar frear a expansión da covid-19, que levou ás autoridades a activar no municipio o nivel alto de restricións a partir do sábado 28 de agosto. Jorge Cubela fai un chamamento á poboación para que acuda a realizar as probas, que se realizarán no pavillón de deportes de Tenorio 

Jorge Cubela durante un cribado
Jorge Cubela durante un cribado

A Consellería de Sanidade decidiu organizar un cribado en Cerdedo-Cotobade para intentar frear a expansión da covid-19, que levou ás autoridades a activar no municipio o nivel alto de restricións a partir do sábado 28 de agosto. 

Precisamente ese sábado foi a data elixida para o cribado, que se fará con PCR nasofarínxea e busca detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus.

Este cribado voluntario organízase en coordinación co Concello de Cerdedo-Cotobade e realizarase no pavillón de deportes de Tenorio en horario de mañá e tarde. O horario será de 9 a 14 e de 16 a 21 horas. 

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai convocar por SMS a 1.300 habitantes de Cerdedo-Cotobade con idades comprendidas entre os 20 e os 49 anos. 

O Sergas desprazará a Tenorio tres equipos de enfermaría, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización das tomas de mostras e información aos usuarios.

Todas as mostras tomadas con PCR nasofarínxea procesaranse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados serán comunicados aos usuarios por SMS, sempre que estes sexan negativos. No caso de resultar positivos, estas notificacións comunicaranse de xeito individual a cada cidadán.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fai un chamamento á poboación para que acuda a realizar as probas. "Prégase a máxima asistencia e colaboración co fin de detectar ás persoas asintomáticas de idades comprendidas entre os 20 e 49 anos e poder controlar o aumento de casos de covid-19 que se están a detectar", sinalou este xoves a través dun comunicado.