Sanidade releva a José Manuel González da xerencia do CHOP

Pontevedra
23 de febreiro 2017
Actualizado: 10:34

O Consello da Xunta aprobará este xoves a substitución do xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), José Manuel González Álvarez que será substituído por José Ramón Gómez Fernández, actual director de Procesos sen Ingreso e Urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, CHUS

José Manuel González, xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
José Manuel González, xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra / Mónica Patxot

O Consello da Xunta aprobará este xoves o relevo do xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), José Manuel González Álvarez que será substituído por José Ramón Gómez Fernández, actual director de Procesos sen Ingreso e Urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o CHUS.

Segundo fontes da Consellería de Sanidade, esta decisión enmárcase na substitución que se está levando a cabo nos complexos hospitalarios da Coruña, Santiago e Ourense.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) emitiu un comunicado no que di que está a iniciar unha nova etapa nesta lexislatura, para o que está a acometer un proceso de renovación nalgunhas das súas Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs) coa fin de "adaptalas aos novos retos que a sanidade ten por diante nos próximos anos".

"O obxectivo é impulsar a innovación na xestión e a capacidade de adaptación do sistema público ás novas necesidades da sociedade", para afrontar retos como: completar a integración da atención primaria e a atención hospitalaria, a implantación dun novo modelo de atención primaria "máis proactivo, resolutivo e cercano á cidadanía", o impulso á mellora continua dos centros hospitalarios, a aposta por novas vías rápidas e a xestión dos pacientes crónicos e pluripatolóxicos.

González Álvarez abandona a xerencia da área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés despois de oito anos.

Á espera das explicación oficial por parte da Xunta a marcha de José Manuel González coincide coa existencia de numerosas peticións de dimisión realizadas por profesionais e sindicatos da sanidade pública na área sanitaria.

JOSÉ RAMÓN GÓMEZ FERNÁNDEZ

Licenciado co grado de Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, é funcionario do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia, Escala de Saúde Pública e Administración Sanitaria. Durante os últimos anos ocupou diversas subdireccións e direccións, os últimos anos na EOXI de Santiago. Ata a actualidade viña ocupando a Dirección de Procesos sen ingreso e Urxencias da EOXI da capital de Galicia.