Santiago Auserón, ex de Radio Futura, pechará unha Semana Galega de Filosofía centrada no papel da arte na sociedade

Pontevedra
10 de marzo 2023

Entre o 10 e o 14 de abril celebraranse numerosas conferencias arredor do tema 'Filosofía e Arte' que contarán coa participación de nomes como Francisco Jarauta, Fermín Muguruza e Chus Pato

Presentación da 'XXXIX Semana Galega de Filosofía' Isaac Cabanelas

A 39ª edición da 'Semana Galega de Filosofía' contará con 15 conferencias que xirarán arredor do tema 'Filosofía e Arte'. Desenvolverase entre o 10 e o 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. Este venres tivo lugar a presentación da súa programación que contou coa participación de Alexandre Cendón, presidente da Aula Castelao de Filosofía, organizadora do evento; e Eva Mouriño e Paula Fernández, representantes da asociación.

Cendón explicou que "nos interesa obviar a arte como un medio de expresión do pensamento". Ademais, asegurou que a elección do tema 'Filosofía e Arte' débese ao "interese que nos brinda a arte como dimensión definitoria do ser humano xunto coa linguaxe e o pensamento, unha actividade simbólica que nos acompaña dende o limiar dos tempos".

O cartel deste evento consiste nunha ilustración realizada por Daniel Rodríguez Castelao que reflicte a imaxe duns músicos que, segundo o presidente da Aula Castelao de Filosofía, "representa a liberdade no feito artístico" e "a arte como refuxio expresivo do que non se pode dicir mediante a palabra".

En canto á programación de actividades, nas sesións de mañá (de 10:30 a 13:30 horas), as conferencias tratarán principalmente sobre filosofía; nas sesións de tarde (de 17:00 a 19:00 horas), o caso da arte en Galicia terá máis importancia; e, polas noites, os actos previstos abordarán temas orientados a un público máis xeral.

Francisco Jarauta, catedrático de filosofía da Universidade de Murcia que realizou estudos de historia da arte e filosofía en universidades de Roma, París ou Valencia, será o encargado de abrir a 'Semana Galega de Filosofía'.

Tamén participarán mulleres como a poeta Chus Pato ou a actriz e doutora en artes escénicas Sabela Hermida que, segundo Mouriño, a partir do existencialismo francés, "nos axudará a coñecer a vida de María Casares e ou seu compromiso ético e artístico".

Ademais, Fermín Muguruza, músico, cineasta e director da obra Black is Beltza II: Ainhoa, nomeada a Mellor Película de Animación nos Premios Goya 2023, compartirá a súa experencia no mundo artístico. Encargarase de pechar a Semana, Santiago Auserón, músico, ex cantante de Radio Futura e doutor en Filosofía.