Sanxenxo aplicará bonificacións na nova ordenanza de plusvalías

Sanxenxo
25 de febreiro 2022

O goberno local asegura que non subirá o tipo impositivo tras a aprobación desta nova normativa nun pleno extraordinario no que tamén se decidirá a desafectación de usos educativos as antigas instalacións de CEIP Cruceiro de Vilalonga

Pleno de aprobación do orzamento de 2022 no Concello de Sanxenxo
Pleno de aprobación do orzamento de 2022 no Concello de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo levará ao pleno extraordinario do próximo luns 28 de febreiro a nova ordenanza fiscal de plusvalías municipal coas directrices marcadas pola Real Decreto Lei que entrou en vigor o 10 de novembro de 2021, pero con medidas municipais propias coas que se busca repercutir o mínimo posible no contribuínte.

Así, a pesar do impacto na recadación, decidiuse manter o mesmo tipo impositivo do 26%, a pesar de que se podería ampliar ata o 30%, explican desde o goberno local sanxenxino

A nova norma contempla bonificacións do 95 % nas herdanzas de vivendas habituais sempre que estes sexan cónxuxes, descendentes e ascendientes en liña recta. A mesma bonificación aplícase nas transmisións de terreos de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórica-artísticas ou de fomento do emprego. No caso de bens inmobles que non sexan vivenda habitual aplicarase unha do 10%.

En canto aos coeficientes, o goberno fixa uns coeficientes máximos e o Concello decidiu reducir de 0,45 a 0,40 o do período de xeración de igual ou superior a 20 anos, para favorecer ás operacións mortis causa onde é habitual que os bens sexan da familia desde hai moitos anos. 

Ao pleno tamén levará a desafectación do antigo colexio O Cruceiro. O obxectivo do goberno é derrubar os catro edificios máis antigos e manter con uso o de máis recente construción e que se atopa en bo estado de conservación.

Outro dos puntos para tratar será a renovación de adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación de Pontevedra en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o desenvolvemento do servizo municipal de Emerxencias de Sanxenxo durante o período 2022-2023.