Sanxenxo aposta por un proxecto para a praia da Carabuxeira que inclúa unha senda peonil

Sanxenxo
26 de xaneiro 2018

O  Concello convocou unha reunión do consello de administración de  Nauta Sanxenxo para dar conta da adxudicación desta modificación do proxecto á empresa Aquática Ingeniería. O vindeiro luns celebrarase unha reunión entre o goberno local e os propietarios 

Praia Carabuxeira PSOE

O Concello de Saxenxo quere dar un paso máis no proxecto de recuperación da praia de Carabuxeira e que, ademais da rexeneración, inclúa dotar ao areal dunha senda que aumente a súa beleza e permita gozar dunhas vistas privilexiada.

O proxecto permitiría recuperar a fachada marítima desta zona de Sanxenxo, pois a senda transcorrería ao longo da praia e tería un ancho aproximado de tres metros. Inclúe, ademais, plans de cara ao futuro, pois se pretende conectar cunha senda toda a zona que vai desde A Panadeira ata A Carabuxeira.

Estes plans municipais tomaron forma este venres. O Concello convocou unha reunión do consello de administración de Nauta Sanxenxo para dar conta da adxudicación desta modificación do proxecto á empresa Aquática Ingeniería. A firma encargouse de redactar o proxecto orixinal de rexeneración da praia e agora deberá incorporar a modificación para incluír o paseo. 

Ademais, o vindeiro luns celebrarase unha reunión entre o goberno local e os propietarios da zona de Carabuxeira para informarlles das melloras que se queren incluír no proxecto e solicitar a súa colaboración. 

O novo proxecto cumprirá catro obxectivos: que a superficie seca da praia sexa igual á primitiva, que a actuación sexa definitiva, que a area de achega sexa parecida á actual para que se manteña o perfil da praia e que se é necesaria unha estrutura de contención que evite o escape da area, esta sexa da menor envergadura posible. 

A idea é que Nauta financie as obras coa colaboración do Ministerio de Fomento e Portos de Galicia.