Sanxenxo aproveita o peche do ximnasio e a piscina pola covid-19 para facer unha renovación profunda

Sanxenxo
10 de novembro 2020

O Concello investirá 136.613 euros na actuación. A maior parte da partida levaraa o ximnasio, pois destinaranse 118.351 euros a renovar por completo as máquinas e elementos. A piscina recibirá os 78.262 euros restantes para cambiar a bomba de calor deshumectadora e os condutos de aire para evitar a condensación nas instalacións

Traballos na piscina municipal de Sanxenxo
Traballos na piscina municipal de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Os usuarios de ximnasio e a piscina municipal de Sanxenxo atoparanse cun servizo totalmente renovado cando a situación sanitaria permita reabrir con seguridade as instalacións, pois o Concello está a aproveitar o peche para realizar unha profunda posta a punto. 

O Concello investirá 136.613 euros na actuación. A maior parte da partida levaraa o ximnasio, pois destinaranse 118.351 euros a renovar por completo as máquinas e elementos. A piscina recibirá os 78.262 euros restantes para cambiar a bomba de calor deshumectadora e os condutos de aire para evitar a condensación nas instalacións.

Entre a nova maquinaria que chegará nos próximos días ao ximnasio municipal haberá 6 cintas de correr, 4 bicicletas verticais, tres bicicletas horizontais con respaldo, 7 bicicletas de ciclo indoor, 2 bicicletas heat, 3 elípticas, 1 elíptica de paso variable e 1 remoergómetro.

Na área de  musculación renovaranse 17 aparellos nos que se poderán exercitar as extremidades superiores e inferiores. O ximnasio contará tamén con novos bancos olímpico e doutros tipos, de discos de distinto peso, barras, 'mancuernas' e agarres. 

Ademais, os monitores das instalacións están a realizar, aproveitando o peche do servizo, tarefas de mantemento. Entre outras actuacións, están a revisar a pintura das distintas salas, resolvendo pequenos problemas de humidade e facendo recambios de azulexos e renovación de pezas.