O Concello de Sanxenxo tramitou un total de 266 permisos para a celebración das fogueiras de San Xoán.
A maioría son solicitudes particulares, pero 23 deses permisos correspóndense con cacharelas que terán lugar en lugares públicos do municipio.
En concreto, informa o Concello, autorizáronse dez fogueiras na praia de Caneliñas, seis en Silgar, unha na Panadeira e outras seis en diversos espazos públicos.
Segundo explica o goberno local, as persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21.00 horas e ás 6.00 da mañá evacuaranse os areais para a súa limpeza, co obxectivo de garantir que estarán en perfectas condicións á primeira hora da mañá.
Por motivos de seguridade non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nos areais atópase tamén a queima unicamente de leña limpa, sen materiais plásticos ou madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.
Para garantir a seguridade durante a noite do 23 de xuño o Concello de Sanxenxo poñerá en marcha un dispositivo especial composto por efectivos de Policía Local, Emerxencias de Sanxenxo e o servizo municipal de limpeza.