A bandeira Q de Calidade ondea en 16 praias de Sanxenxo como un dos municipios españois con máis certificacións.
O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza; a concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, e o director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), Fernando Fraile, acompañados do presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, e a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín, izaron este luns a bandeira Q de Calidade na praia da Lanzada.
Deza destacou a aposta pola calidade tanto do sector público con 18 Q de Calidade (16 praias e as oficinas de Turismo e Nauta) e do sector privado que suma 42 como certificacións.
"Estas bandeiras supoñen un esforzo e unha esixencia que un destino como Sanxenxo merece", dixo. Así mesmo, explicou que Sanxenxo non se conforma e que continuará apostando por esta certificación.
"Imos pedir a S de Sustentabilidade para Silgar, que xa a temos no porto de Sanxenxo, e a Q de Calidade para a praia de Nosa Señora", asegurou.
As praias de Areas, Canelas, Silgar, A Lapa, Major, Baltar, Montalvo, Caneliñas, Areas Gordas, Pragueira, Foxos, Panadeira, Area de Agra, A Lanzada, Bascuas e Paxariñas ostentan a Q de Calidade Turística do ICTES desde o ano 2014, en que foron certificadas por primeira vez.
Pola súa banda, o director xeral do ICTES, Fernando Fraile, felicitou ao Concello de Sanxenxo pola súa aposta e compromiso coa Calidade Turística, mostra do rigor co que se traballa "no deseño e xestión destes servizos e garantía da correcta implantación dun sistema de xestión e do cumprimento dunhas normas de calidade" e lembrou que "a Q é unha ferramenta de promoción turística que achega prestixio, diferenciación e fiabilidade, polo que ten un gran impacto na percepción dos consumidores e supón o recoñecemento por parte das administracións públicas".
É importante sinalar que só as bandeiras Q de Calidade e S de Sustentabilidade son froito da certificación baseada normas UNE e ISO, únicos organismos nacional e internacional con recoñecemento público para desenvolver normas para calquera sector de actividade económica.
Para obter estas certificacións, é imprescindible seguir un rigoroso proceso verificado a través de auditores independentes, isto é superar unha auditoría de terceira parte con exixentes criterios.
Para que as praias de Sanxenxo luzan a Bandeira Q de Calidade Turística deberon levar a cabo un proceso para o cumprimento da norma internacional de calidade UNE-ISO 13009, acordada por case cen países, para garantir a máxima calidade na prestación dos seus servizos e a correcta xestión dos equipamentos de uso público: servizos de limpeza e recollida selectiva de residuos, dispositivos de seguridade, salvamento e primeiros auxilios, servizos de información aos turistas, accesos á zona de baño, servizos hixiénicos ou de establecementos de lecer, entre outros.