Sanxenxo Degusta entrega os premios ás mellores tapas e cócteles

Sanxenxo
05 de xullo 2016

Ollares da Ría foi o gañador indiscutible desta sétima edición do Sanxenxo Degusta Tapas, facéndose co premio do público nas tres categorías e co outorgado polo Xurado Profesional para as tapas creativa e doce. Na categoría de tapa tradicional, o premio é para Taberna Caneliñas

Gañadores do Sanxenxo Degusta Tapas e Drink
Gañadores do Sanxenxo Degusta Tapas e Drink / Concello de Sanxenxo

Ollares da Ría foi o gañador indiscutible desta sétima edición do Sanxenxo Degusta Tapas, facéndose co premio do público nas tres categorías e co outorgado polo Xurado Profesional para as tapas creativa e doce. Na categoría de tapa tradicional, o premio é para Taberna Caneliñas.

A zamburiña sobre crema de pataca e cebola confeitada, o rissotto terra, mar e aire e a sopa de chocolate branco con xeado son as tres propostas coas que Ollares da Ría conquistou ao numeroso público que degustou as especialidades que este establecemento presentou a concurso. E o ditame dos consumidores coincidiu co dun xurado integrado maioritariamente por profesionais da cociña, excepto nunha tapa, a tradicional, na que o solombo de porco asado a lume de cana de Taberna de Caneliñas desbancou a Ollares dá Ría. 

Case unánime foi tamén o ditame da quinta edición de 'Sanxenxo Degusta Drink', na que os premios recaeron en Pub Horus Sanxenxo, elixido polo xurado popular nas súas dúas propostas, con alcol e sen el, e no Dorsia, cuxos dous cócteles foron seleccionados polo xurado profesional. 

Durante a entrega de premios celebrada este martes, o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, felicitou aos gañadores polo seu bo facer, así como ao numeroso público que durante o mes de duración deste evento achegouse a Sanxenxo para probar as tapas servidas polos establecementos concursantes, o que fixo que se despacharán máis de 22.000, unhas 9.000 máis que na edición do pasado verán; un feito no que influíu a inclusión da tapa doce.