O Plan Concilia do Concello de Sanxenxo ampliou este ano o seu calendario de funcionamento coa incorporación dos días non lectivos de xuño e setembro, unha novidade coa que o goberno local busca reforzar o apoio ás familias durante o período estival.
O programa, que tradicionalmente se desenvolvía en xullo e agosto, presta servizo este verán a un total de 744 familias do municipio.
O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Nati Parada, visitaron este mércores as actividades que se desenvolven nos colexios do Telleiro, en Noalla, e A Florida, en Sanxenxo, dous dos centros nos que leva a cabo o programa.
Durante o percorrido compartiron tempo cos menores, que participaban en xogos tradicionais como o pano e nun taller de cociña, ademais de manter unha conversación na que os nenos trasladaron algunhas propostas, entre elas a posibilidade de dispor dun patio cuberto para poder xogar ao aire libre nos días de choiva.
Segundo explicou o rexedor, a ampliación do calendario responde o obxectivo de adaptarse mellor ás necesidades das familias que manteñen a súa actividade laboral durante o verán. "Buscamos axudar ás familias que durante ou verán traballan cunha ampliación do prazo temporal do Plan e cunha marxe horaria que se adapta ás circunstancias", sinalou.

O Concello adxudicou o servizo para un período de dous anos por un importe de 213.000 euros, unha cantidade á que se suman os custos de limpeza e subministracións.
Para esta edición ofertáronse un total de 910 prazas, distribuídas en quincenas de 94 participantes cada unha. Delas, 40 están reservadas para menores con diversidade funcional, co obxectivo de favorecer un servizo inclusivo e adaptado ás diferentes necesidades.
O programa ofrece dúas modalidades horarias. A primeira funciona de 8.00 a 15.30 horas e permite que os participantes leven a comida de casa, mentres que a segunda se desenvolve entre as 9.30 e as 14.00 horas para quen non precisan permanecer durante o mediodía. O prezo establecido é de 45 euros por quincena ou de 230 euros para o período completo.
Ademais, as familias que o necesitan poden complementar o servizo co Plan Madruga e o sistema de fiambrera, ampliando así a cobertura horaria.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.