Este sábado 27 de xuño, as 22.45 horas, na Praza Fonte de Ramos de Sanxenxo a orquestra La Ocaband presenta como "actuación piloto" en Galicia o seu novo show-espectáculo musical "A Historia da Verbena"
Segundo explican os organizadores, terá un aforo limitado para público sentado con distancia de seguridade (200 asientos) en recinto acotado "con todas as garantías sanitarias e protocolos vixentes". Por exemplo é obrigatorio o uso de mascarilla.
Terá entrada gratuita con reserva anticipada ata completar aforo a través do WhatsApp 621348169.
Dende La Ocaband explican na súa páxina de Facebook que a situación derivada da crise da COVID-19 fíxolles adecuar as súas actuacións para os vindeiros meses "adaptándonos á nova normalidade extremando as precaucións conforme ás normas das autoridades sanitarias".
A orquestra presenta en Sanxenxo o espectáculo temático "A Historia da Verbena" no que fan un percorrido musical durante dúas horas "polos últimos 100 anos da música".
Todos os temas estarán apoiados con imaxes ilustrativas a través das pantallas xigantes outorgando un carácter didáctico á posta en escea.
La Ocaband está integrada por 9 músicos multi-instrumentistas que interpretarán un repertorio presentado en galego e con temas nesta lingua e con algúns temas propios.
"Con este novidoso tipo de show pretendemos axudar a conservar unha industria cultural fundamental na economía galega e garantir a supervivencia profesional a través dunha forma de divertimento con tanta tradición e arraigo social no noso país", afirman.