Sanxenxo estreará aula de estudo a partir de abril

Sanxenxo
28 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Sanxenxo deu a coñecer este mércores que o novo servizo terá horario continuado de martes a venres de 9 a 23 horas e os luns de 9 a 16 horas. A aula, con capacidade para 32 persoas, conta con 32 cadeiras e 8 mesas con enchufes e conexións para cargar o móbil

Nova aula de estudo de Sanxenxo
Nova aula de estudo de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A partir do próximo martes, 2 de abril, Sanxenxo contará cun novo servizo, unha aula de estudo no edificio de usos múltiples de Portonovo coa que se dará resposta a unha demanda histórica dos estudantes do municipio.

O Concello de Sanxenxo deu a coñecer este mércores que o novo servizo terá horario continuado de martes a venres de 9 a 23 horas e os luns de 9 a 16 horas.

A aula, con capacidade para 32 persoas, conta con 32 cadeiras e 8 mesas con enchufes e conexións para cargar o móbil. As instalacións dispoñen de conexión a internet e de novas luminarias tipo led que reducen o consumo enerxético. 

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Cultura, Elena Torres, visitaron as novas instalacións acompañados de estudantes. A concelleira explicou que con estge servizo "atendemos a unha importante demanda dos mozos de Sanxenxo e da cidadanía en xeral, habilitando un espazo en condicións onde poder estudar, nun ambiente tranquilo, agradable e que favorece a concentración".

Nestes momentos, o edificio alberga as clases de adultos, as sesións de técnicas de estudo, actividades das mulleres rurais e da Asociación Cultural Lembranzas de Portonovo. 

O edificio do novo mercado de Sanxenxo tamén contempla unha aula de estudo e unha biblioteca e o municipio conta con tres bibliotecas no Pazo Emilia Pardo Bazán, Portonovo e Vilalonga.

REACCIÓN DO BNG

O grupo municipal do BNG en Sanxenxo celebra que, despois de anos reclamándoa, a aula de estudo sexa unha realidade. O seu portavoz, Fran Leiro, lembra que foi o seu grupo o que deu traslado, a través de mocións plenarias, das "numerosas peticións" que realizaron os veciños e veciñas do concello que precisan dunhas dependencias para poder preparar oposicións ou exames.

Leiro valora positivamente a medida, "aínda que chegue tarde", e celebra que o Goberno de Telmo Martín "vaia dando resposta ás demandas que o BNG propón pensando no benestar da veciñanza, "aínda que sexa a través de mocións que o Partido Popular négase a aprobar nos plenos".