O curso escolar iniciouse sen incidencias nos centros educativos do Concello de Sanxenxo, segundo asegura o goberno local.
En total as clases iniciáronse con 1.241 escolares matriculados nos colexios Magaláns, A Florida, Portonovo, Abrente, Nantes, O Telleiro, Cruceiro e EEI Aios.
Tamén se iniciou a actividade nos institutos. En Vilalonga con 766 alumnos, pero aínda mantén a matrícula aberta, e en Sanxenxo, con 285.
Unha das novidades do primeiro día produciuse na Florida, cun novo acceso para Primaria e Infantil debido ás obras que se van a executar na Rúa Ricardo Santos para mellorar a seguridade viaria na contorna do centro educativo.
Tanto autobuses como escolares puideron estacionar os vehículos na parcela acondicionada polo Concello e percorrer os itinerarios habilitados para acceder ao centro.

Outro dos centros educativos pendente de conclusión das obras é o CEIP Portonovo, coa previsión de que isto suceda nun par de semanas, segundo o Concello.
Unha representación do goberno local, co alcalde Telmo Martín á cabeza, realizou este luns unha visita aos centros escolares coincidindo co primeiro día lectivo do curso.
Como complemento, avanza a administración, nos próximos días realizarase unha repartición gratuíta de 1.280 axendas escolares que este ano contarán co deseño dunha ilustradora local, Yolanda Martínez.