Un total de oito empresas presentaron as súas ofertas para facerse cargo da xestión do Plan Concilia e dos talleres municipais de Nadal, Entroido e Semana Santa.
Entre as candidatas figuran Asociación Xuvenil Saraiba do Mar, Axiña Servicios Deportivos, Elisa Estévez Rodríguez, Nordelaina, Silvia Calvelo Rodríguez, Sonaga Gestión, Sportmadness Eventos e Supernova Asistencias.
O servizo, licitado pola Concellaría de Educación que dirixe Nati Parada, conta cun orzamento de 213.807 euros e unha duración de dous anos, estruturado en dous lotes diferenciados.
O primeiro corresponde ao Plan Concilia, que amplía a súa cobertura a todo o período vacacional, incluíndo por primeira vez os días de xuño e setembro previos e posteriores ao curso escolar.
O segundo engloba os obradoiros de Nadal, Entroido e, como novidade, Semana Santa, que se desenvolverán de luns a Xoves Santo.
Estes obradoiros celebraranse no colexio de Nantes, en horario de 9:00 a 14:30 horas, e ofertarán un total de 221 prazas. Pola súa banda, o Plan Concilia manterá dúas sedes nos colexios do Telleiro e A Florida para facilitar a conciliación familiar, cun total de 910 prazas dispoñibles e reserva específica para menores con diversidade funcional.
O programa establece distintas modalidades horarias e tarifas, con opcións que inclúen servizo de comedor ou xornada reducida.
Ademais, a empresa adxudicataria deberá organizar reunións informativas coas familias e deseñar unha programación de actividades que incluirá, polo menos, dúas saídas semanais á praia ou outros espazos da contorna para fomentar o coñecemento cultural e natural do municipio.