O Concello de Sanxenxo avanza no seu obxectivo de eliminar a lista de agarda de usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Ese foi o principal motivo que levou á rescisión da concesión do anterior contrato para pasar das 52.252 ás 84.000 horas anuais.
Explica o goberno local que actualmente na lista de agarda atópanse 96 familias.
Aínda que o aumento de horas de atención do SAF será progresivo, as primeiras 1.000 horas de ampliación permitiu eliminar a lista de espera dos usuarios con maior grao de dependencia (7 usuarios).
Tamén reducir o grao 2 en 3 persoas e ampliar as horas demandadas nestes graos, informa o Concello.
En concreto en Sanxenxo o SAF atende 73 familias e mantén á espera a 26 de grao 2 e a outras 70 de grao 1.
A concesionaria do servizo, Idades, asume tanto o servizo de dependencia de luns a domingo entre as 7.00 e as 22.00 horas, como a modalidade básica, dispoñible en días laborables no mesmo horario.
O compromiso adquirido é poder activar novas altas nun prazo máximo de dous días, ou en apenas 60 minutos en casos urxentes, e a dispor de persoal de garda para cubrir ausencias imprevistas.