Sanxenxo pide a Portos de Galicia que revoque a licenza das obras do novo pantalán do Náutico

Sanxenxo
16 de xullo 2013

O Goberno local alega que a concesión vulnera tanto o Plan de Utilización dos Espazos Portuarios do Porto de Sanxenxo como o seu Plan Especial de Ordenación. Sinala que afecta plenamente ao porto e aos dous areais nel incluídos, como son o de Os Barcos e o de Panadeira, ao que cualifica como 'praias urbanas' e considera áreas continuas de protección intermareal e costeira

O Concello de Sanxenxo remitiu un requirimento a Portos de Galicia para que anule ou revogue a concesión ao Real Club Náutico de Sanxenxo para construír o novo peirao do porto deportivo Juan Carlos I. A obra implica ocupar o dominio público portuario e está actualmente paralizada tras a protesta iniciada pola plataforma SOS Panadeira.

A resolución da alcaldesa, acompañada polos informes xurídicos e técnicos da Xerencia de Urbanismo, foille entregada tamén ao representante de SOS Panadeira co fin de que os integrantes desta plataforma coñezan os termos nos que se centra a argumentación.

O Goberno local alega que a concesión vulnera tanto o Plan de Utilización dos Espazos Portuarios do Porto de Sanxenxo como o seu Plan Especial de Ordenación.

"Resultaría un contrasentido que a lei previra a ordenación dos usos nn ámbito territorial adscrito ós Portos a través dos citados instrumentos de ordenación urbanística e de xestión e ordenación dos estritos usos portuarios, e que a Administración competente, non obstante, puidera estar lexitimada para afastarse da observancia das súas determinacións", recolle o documento.

Á súa vez, dende o Executivo municipal defenden que a concesión outorgada ao Náutico incumpre os principios xerais e normas previstas no Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, que afecta plenamente ao porto e aos dous areais nel incluídos, como son o de Os Barcos e o de Panadeira, ao que cualifica como 'praias urbanas' e considera áreas continuas de protección intermareal e costeira.

Por iso, a pasarela elevada sobre a praia Dos barcos prevista no proxecto é unha actuación construtiva prohibida polo POL ao tratarse dunha execución sobre o mesmo areal dunha instalación permanente non desmontable. Ademais, este elemento constitúe unha barreira arquitectónica e visual que     "non fai senón alterar gravemente a paisaxe litoral da vila de Sanxenxo".