Sanxenxo ponse deberes para 2020: a actualización das súas ordenanzas

Sanxenxo
29 de decembro 2019

O goberno local proponse actualizar as normativas que regulan aspectos como as praias, os cemiterios ou os mercadillos e venda ambulante, entre outros asuntos

Exteriores da casa consistorial do Concello de Sanxenxo
Exteriores da casa consistorial do Concello de Sanxenxo / Mónica Patxot

Algunhas das ordenanzas de Sanxenxo necesitan unha actualización porque quedaron obsoletas por cambios na lexislación ou polos cambios na socidade desde a súa aprobación.

Por ese motivo o Concello púxose como deberes para o ano 2020 a renovación de moitas das súas normativas.

Unha delas, apunta o goberno local, será a ordenanza de mercadillos e venda ambulante para corrixir aspectos relacionados cos residuos que xeran os postos de venda, evitar a comercialización de produtos falsificados e regular o aparcadoiro dos vehículos dos vendedores.

Outras normativas son as de medio ambiente e o punto limpo e tamén a telecomunicacións.

En canto ás ordenanzas de nova creación Sanxenxo pretende crear unha que regule as praias do municipio e outra sobre seguridade cidadá que complemente a de convivencia aprobada recentemente, co obxectivo de controlar aspectos como a seguridade das persoas, o tráfico e a movida nocturna.

Ademais o municipio tampouco dispón dunha ordenanza de cemiterios e desde as concellerías prepáranse normativas para regular a publicidade, inspección técnica de edificios, fachadas ou o uso de instalacións deportivas como campos de  futbol e pavillóns e de equipamentos socio culturais, segundo sinalou o goberno local.