Sanxenxo prepara unha nova ordenanza hoteleira buscando a modernización das instalacións

Sanxenxo
20 de setembro 2020

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) Sanxenxo dispón de 167 hoteis de 1 a 4 estrelas situándose como o destino turístico de norte de España con máis prazas hostaleiras (9.931) por diante de cidades de maior poboación como Bilbao (8.154), Santiago de Compostela (7.983), San Sebastián (5.854), A Coruña (5.226) ou Vigo (4.772)   

Hoteis de Sanxenxo Diego Torrado

O goberno local de Sanxenxo ten entre os seus plans promover a aprobación dunha nova ordenanza hoteleira para o municipio. 

Trátase dunha regulación urbanística especifica que terá como obxectivo estimular a mellora e modernización das instalacións hoteleiras e a ampliación dos seus servizos. 

Cabe lembrar que Sanxenxo, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), dispón de 167 hoteis de 1 a 4 estrelas situándose como o destino turístico de norte de España con máis prazas (9.931) por diante de cidades de maior poboación como Bilbao (8.154), Santiago de Compostela (7.983), San Sebastián (5.854), A Coruña (5.226) ou Vigo (4.772).

Coa mellora dos servizos, entende o Concello, poderase cubrir a demanda dun turismo cada vez máis esixente e durante os 12 meses do ano.

Esta ordenanza requirirá unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para permitir aumentar a superficie edificable no subsolo, xa que as esixencias da normativa turística autonómica e estatal inclúen unha maior superficie das habitacións, máis prazas de aparcamento, dimensións de baños superiores, montacargas e ascensores de servizos ou accesos independentes de persoal e clientes.

Neste sentido a ordenanza hostaleira ofrecerá a posibilidade de usar o subsolo para acoller servizos complementarios que permitan ampliar a oferta do establecemento, pero que en ningún caso poderase destinar a habitacións. 

O que si se permitirá é a posible conversión dun hotel nunha residencia para persoas maiores, segundo confirmou o Concello de Sanxenxo.