Sanxenxo presentará en Fitur unha aplicación móbil para a promoción turística do municipio

Sanxenxo
11 de xaneiro 2014

Os detalles do seu contido, así como as particularidades do seu uso e do que supoñerá para os usuarios, daranse a coñecer na presentación, así como nun posterior encontro que se celebrará en Sanxenxo para os empresarios turísticos. Búscase que sexa unha ferramenta de promoción do destino e tamén das empresas turísticas

Vista da praia de Silgar (Sanxenxo) desde o porto deportivo Juan Carlos I
Vista da praia de Silgar (Sanxenxo) desde o porto deportivo Juan Carlos I / PontevedraViva

Turismo de Sanxenxo estará presente un ano máis en FITUR, unha das feiras turísticas máis importantes a nivel internacional, que se levará a cabo en Madrid entre os días 22 e 26 de xaneiro. Entre outras moitas actividades que se darán a coñecer nos próximos días, presentarase unha nova aplicación para dispositivos móbiles de promoción de municipio, desenvolvida pola empresa Evelb , que será de descarga gratuita para iPhone e Android.

A mesma permitirá mostrar todas as potencialidades do destino Sanxenxo a través de teléfonos móbiles. Os detalles do seu contido, así como as particularidades do seu uso e do que supoñerá para os usuarios, daranse a coñecer na presentación, así como nun posterior encontro que se celebrará en Sanxenxo para os empresarios turísticos. Búscase que sexa unha ferramenta de promoción do destino e tamén das empresas turísticas.

Este novo servizo enmárcase dentro das actuacións a desenvolver a través do convenio de colaboración que Turismo de Galicia e Turismo de Sanxenxo asinaron hai uns meses para promocionar conxuntamente o municipio.

O obxectivo primordial desta aplicación é xuntar a tecnoloxía móbil, a comunicación audiovisual e a información relevante, brindando ao visitante de Sanxenxo unha experiencia única e un xeito totalmente innovadora de descubrilo, poñendo ao seu alcance a través dos smartphones, todos os servizos turísticos á súa disposición.