Sanxenxo probará a próxima semana os puntos wifi, o cálculo de dispositivos e as cámaras

Sanxenxo
10 de novembro 2022

A rotonda de Canelas, o cruzamento do mercado de Sanxenxo, a zona da piscina municipal e o campo de fútbol de Baltar son os puntos elixidos para a posta en marcha

Paseo da Praia dos barcos Concello de Sanxenxo

A empresa Vodafone adxudicataria da posta en marcha das iniciativas recollidas no proxecto "Sanxenxo e O Grove: polos turísticos intelixentes" comezará a próxima semana coa instalación de dispositivos en tres puntos do municipio para comprobar o seu funcionamento.

A nova rotonda de Canelas, o cruzamento do mercado de Sanxenxo, a contorna do campo de fútbol de Baltar e a zona da piscina municipal marcarán o inicio das probas piloto de puntos wifi, cálculo de dispositivos e cámaras de tracking e de monitorización.

Sanxenxo e O Grove presentaron un proxecto conxunto a unha liña de axudas convocada por Red.es, entidade dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para converterse en destinos intelixentes, outorgando prioridade ás novas tecnoloxías e os soportes dixitais. O obxectivo é ser máis competitivos, ofrecer mellor calidade de vida aos seus residentes e mellorar a experiencia turística dos visitantes. En definitiva, trátase de lograr un uso das novas tecnoloxías que garanta a eficacia do destino. O orzamento desta actuación ascende a 1.489.996 euros, dos que resultaron subvencionables 893.997, que representa un 60% do proxecto, correndo a cargo de Sanxenxo e O Grove o 40% restante.

Entre as accións que levarán a cabo en Sanxenxo destacan o reforzo de seguridade e control dos espazos públicos a través dun sistema de cálculo de terminais móbiles, un sistema de videovixilancia en estradas e monitorización de praias. Unhas iniciativas que permitirán a vixilancia de espazos e a limitación de aforo, se fose necesario, en eventos que se celebren no municipio.

Tamén se colocarán 15 cámaras de tracking de vehículos que axilizará o control das entradas e saídas de coches e mesmo establecer alertas de matrículas por parte da Policía Local. En canto ao control de afluencia de praias, Sanxenxo levará a cabo un proxecto piloto en Silgar que permitirá coñecer de forma precisa a afluencia da praia, as horas con maior número de persoas…Toda esta información aparecerá recollida nunha pantalla que se poderá ver desde o propio areal.

O proxecto inclúe tamén a instalación de pantallas informativas sobre a dispoñibilidade de aparcamentos e o estado do tráfico que permitirán ao condutor buscar roteiros alternativos ou a que estacionamento con prazas libres debe dirixirse. Dentro do programa Red.es inclúese unha aplicación móbil turística desde á que se poderá acceder a todos estes datos relevantes tanto para veciños como turistas que, á súa vez, tamén se recollerán nunha páxina web que está previsto que se lance o próximo 25 de novembro.

Nunha clara aposta pola mobilidade sostible Sanxenxo contará cun sistema de alugueiro de bicicletas con dúas paradas de 20 unidades cada unha en Sanxenxo e Portonovo. As bicicletas estacionaranse nunha marquesiña pechada para evitar actos vandálicos e os usuarios deberán acceder a través dun código. O proxecto inclúe ademais a implantación de wifi en ata 35 puntos das distintas parroquias do municipio.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora