Sanxenxo recomenda non bañarse en Baltar, Caneliñas, Panadeira e Nanín por contaminación nas súas augas

Sanxenxo
19 de agosto 2020

O  Concello achaca os resultados ao arrastre de microbios polas choivas. En dous días volverán repetir as analíticas para volver permitir o baño

Praia de Baltar
Praia de Baltar / PontevedraViva

Unha analítica rutineira realizada por Sanidade nas augas das praias de Sanxenxo revelaron a presenza de contaminación microbiolóxica nos areais de Baltar, Caneliñas, Panadeira e Nanín. Seguindo as recomendacións sanitarias, o Concello recomenda non bañarse nestas praias ata que as análises, que volverán repetirse en dous días, arroxen resultados satisfactorios.

Nos accesos a estes areais, os usuarios poden atoparse con sinais e carteis informando desta situación que desde o Concello achacan ao arrastre de partículas polas choivas dos últimos días.

Descartan que se trate dunha vertedura puntual porque de ser así atoparíase nunha soa praia e non en catro praias relativamente distanciadas.

Esta situación non afecta só a Sanxenxo. No que vai de mes de agosto, as análises de sanidade detectaron presenza excesiva de bacterias intestinais en 21 praias da comunidade, entre as que se atopan tamén dous areais de Vilanova de Arousa e Vilagarcía, que xa foron solucionados.