Sanxenxo reforza a súa Policía Local con 40 auxiliares e tres axentes en comisión de servizo

Sanxenxo
12 de xullo 2020

Aos traballadores habituais sumaranse corenta novos auxiliares procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública, que farán tarefas de vixilancia e control. A eles súmanse dous axentes e un oficial que chegaron ao corpo de policía en comisión de servizo por un ano e prorrogable por un máis

Control da Policía Local de Sanxenxo
Control da Policía Local de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Durante o verán, a Policía Local de Sanxenxo contará co maior persoal dos últimos anos. Aos traballadores habituais sumaranse corenta novos auxiliares procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública, que farán tarefas de vixilancia e control.

A eles súmanse dous axentes e un oficial que chegaron ao corpo de policía en comisión de servizo por un ano e prorrogable por un máis.

O persoal da Policía Local está conformada por 23 axentes, once dos cales están de baixa, polo que este reforzo axudará a garantir o cumprimento das normas.

O goberno local prevé que os auxiliares se poidan incorporar nos próximos días, coincidindo coa tempada de maior afluencia turística e coa posta en marcha dos drons de vixilancia de praias e zonas de lecer nocturnas que serán controlados por policías. 

Ademais, o Concello lembra que con motivo da COVID- 19, o esforzo policial para facer cumprir as medidas de seguridade e distanciamento nas terrazas e o control de aforo nos establecementos, así como vixiar o uso de máscaras, ten que ser aínda maior. 

PLATAFORMA XESPOL

Co obxectivo de modernizar os sistemas de xestión da Policía Local, o Concello dotou ao corpo dunha nova ferramenta informática, Xespol, que permitirá mellorar e facilitar o traballo diario policial.

Entre as distintas aplicacións deste software atópase a posibilidade da creación dunha base de datos con informes, partes diarios e atestados de tráfico, accidentes ou controis de drogas e alcol.

Tamén permitirá a identificación de animais de compañía en caso de perda ou incidente ou unha base de datos de obxectos perdidos.

Outra das novidades que presenta a versión que se está instalando na Policía Local de Sanxenxo é a posibilidade de tramitar todo o traballo en galego xa que o sistema está desenvolto de forma bilingüe.

A modernización tamén supoñerá un aforro importante en papel e consumibles xa que case o 80% da documentación e informes que se realicen será en formato dixital.

O Concello dotará tamén cun escáner á Policía Local que lle permitirá identificar as matrículas e realizar unha profunda auditoría dun vehículo.

O software que está conectado coa DXT estará instalado en dous teléfonos móbiles da Policía. Esta aplicación supuxo un investimento de 5.500 euros.