Sanxenxo reforza o seu plantel con 42 novos traballadores

Sanxenxo
28 de marzo 2022

O goberno local recibe un investimento de 258.272 euros procedente do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para este obxectivo

Traballos de roza en Sanxenxo
Traballos de roza en Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo reforzará a partir deste mércores o seu plantel cun total de 42 persoas a través do Plan Concellos 2022, tres persoas máis que e ano anterior.

Os traballadores repartiranse polos ámbitos municipais de servizos administrativos, parques e xardíns, limpeza de praias e espazos públicos. Empregaranse a 39 peóns, cun contrato de 5 meses de duración e a 3 auxiliares administrativos, cun contrato de 6 meses de duración para Rendas, Urbanismo, Padrón e Catastro

Dentro dos servizos administrativos, os traballadores realizarán, entre outras, tarefas de atención cidadá de carácter informativo de servizos, organismos e funcionamento do Concello, domiciliación de impostos, notificacións, trámites catastrais, certificados de empadroamento, modificación de datos, así como outras materias relacionadas coa xestión de arquivo de documentos.

O contrato dos 42 traballadores supoñerá un investimento total de 264.757 euros, dos que a Deputación achega 258.272 euros e os 6.485 euros restantes proceden de fondos municipais.

O plan de emprego incluído na liña 3 do Plan Concellos é unha medida que permite a contratación de persoas desempregadas do municipio que non estean a recibir prestacións e poidan ter así unha oportunidade de adquirir experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo.