Sanxenxo reforzará a limpeza das praias en verán coa contratación de 17 operarios

Sanxenxo
25 de abril 2015

O Concello de Sanxenxo abriu o prazo para a presentación de solicitudes dos interesados en traballar durante o verán na limpeza das praias do municipio

Paseo da praia de Silgar, en Sanxenxo
Paseo da praia de Silgar, en Sanxenxo / Mónica Patxot

O Concello de Sanxenxo abriu o prazo para a presentación de solicitudes dos interesados en traballar durante o verán na limpeza das praias do municipio.

En total serán 17 as persoas que se incorporarán ao servizo de mantemento dos areais do municipio a tempo parcial, cunha xornada semanal de 25 horas durante dous meses.

O proceso de selección iniciouse coa apertura do prazo para presetar a documentación requirida, que consta da instancia correspondente, unha fotocopia do DNI e o xustificante de ter ingresado a taxa por dereitos de exame ou a tarxeta de demandante de emprego.

Segundo indica o goberno local este prazo manterase aberto ata o xoves 30 de abril, antes de afrontar unha selección que se desenvolverá o mércores 6 de maio no Pazo Emilia Pardo Bazán cun exame oral.

O traballo a desempeñar por estes operarios consistirá no baleirado das papeleiras das praias, retirada de residuos da área de limpeza en zonas verdes, paseos, sendeiros e vías de acceso aos areais, un mantemento de roza, limpeza e nivelación da area nas saídas naturais de augas pluviais. Tamén se ocuparán da retirada de algas e do seu traslado ao vertedoiro autorizado, ao igual que dos outros residuos depositados na area.