Algo máis de 349.000 euros investirá o goberno municipal de Sanxenxo nunha actuación de mobilidade e accesibilidade que executará na contorna do Paseo de Silgar.
En concreto, será a través da pavimentación e a mellora da ordenación de circulación de tráfico rodado na Rúa Vigo, o Paseo de Silgar e o Camiño de Baltar.
O obxectivo desta medida, que o Concello prevé financiar co Plan +Provincia da Deputación, é o de incrementar a seguridade peonil e viaria nestas zonas.
O prazo de execución das obras estímase en tres meses.
Actualmente, subliña o executivo local, existen tramos de pavimento moi desgastados, sendas para a circulación de peóns no Paseo de Silgar que conviven coa circulación de vehículos e problemas de tráfico no cruzamento do Camiño de Baltar coa PO-308.
Ademais, existe un estreitamento da zona destinada á circulación no Camiño de Baltar que dificulta o paso simultáneo en ambos os sentidos de vehículos, o que ocasiona incidencias na circulación tanto nesta rúa como na estrada PO-308.
Por iso, entre as principais actuacións atópase a ampliación de beirarrúas no Paseo de Silgar, destinando unha maior extensión ao paso de peóns e mellorando a accesibilidade e os espazos de aparcadoiro.
A iso sumarase a reordenación do acceso desde a estrada PO-308 ao Paseo de Silgar ou a mellora do cruzamento coa Rúa Vigo, adaptándoo para que sexa posible o xiro de vehículos de gran tamaño.
Estes traballos incluirán a eliminación do estreitamento existente no Camiño de Baltar para dotar á vía de dous carrís de circulación e beirarrúas a ambas as marxes.
Diversas actuacións para a redución da velocidade e a reordenación de cruzamentos completará as medidas recollidas neste proxecto.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.