Sanxenxo repoboará o Con da Romaíña con árbores autóctonas

Sanxenxo
18 de marzo 2021

A contorna natural do Con da Romaíña, situada na zona verde do parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo, será repoboada con 181 árbores autóctonas, con ejemplares de castiñeiros, carballos, bidueiros, cedros e nogueiras

Área recreativa no Con da Romaíña (Sanxenxo) Concello de Sanxenxo

A contorna natural do Con da Romaíña, situada na zona verde do parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo, será repoboada con 181 árbores autóctonas.

Neste espazo plantaranse exemplares de castiñeiros, carballos, bidueiros, cedros e nogueiras. Todas as especies foron cedidas por unha empresa funeraria que opera na zona, dentro das accións levadas a cabo para compensar a súa pegada de carbono.

A plantación transformarase o vindeiro martes 23 de marzo nunha sesión de educación ambiental na que participarán unha trintena de alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe de Nantes, que se converterán en padriños das árbores. A actividade permitirá aprender aos escolares o gran valor do espazo, para moitos aínda descoñecido.

O Concello de Sanxenxo habilitou hai uns meses unha gran área recreativa con mesas e bancos de granito e itinerarios para peóns e ciclistas. Unhas melloras que contaron coa colaboración da Xunta a través de Turismo de Galicia.