Sanxenxo solicita a Costas canalizar o regato da Carabuxeira

O Salnés
27 de febreiro 2025

Con esta actuación preténdese evitar as variacións no leito do río provocadas polos efectos dos temporais do inverno

Regato de A Carabuxeira Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo solicitou formalmente a Costas actuar para canalizar o regato que atravesa a praia da Carabuxeira.

En concreto exponse, ademais do encanamento, a colocación de dous pasos elevados para mellorar o acceso ao areal.

Trátase dunha actuación que se atopa xa en período de exposición pública, valorada en 105.640 euros e cun prazo de execución de tres meses.

Con ela preténdese evitar as variacións no leito do río provocadas polos efectos dos temporais do inverno.

A intervención consiste na colocación de perpiaños de 1,70 metros de altura que se colocarán en módulos de 1 metro de longo, no tramo de regato de ao redor de 40 metros que atravesa a praia.

Regacho da CarabuxeiraConcello de Sanxenxo

En canto aos pasos elevados un deles habilitaríase desde a praza da Carabuxeira e o segundo na zona de escaleiras situada na zona máis oeste da praia.

Na zona de acceso á praia prevese ademais unha repavimentación mediante unha capa de formigón, e a colocación dunha varanda coa fin de evitar caídas a distinto nivel, así como a reparación dun tramo de muro.

Doutra banda o Concello de Sanxenxo solicitou á concesionaria de Espina y Delfín a supervisión da rede de saneamento próxima ás praias tanto da Carabuxeira como de Nanín, tras detectar alteracións nalgunhas das analíticas realizadas en ambos os dous areais, por posibles filtracións de colectores.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora