Sanxenxo solicitará unha modificación de orzamento de máis dun millón de euros para obras e proxectos

Sanxenxo
18 de xullo 2021

O goberno local de Sanxenxo levará ao próximo Pleno ordinario do luns 26 de xullo a aprobación dunha modificación orzamentaria que permitirá o investimento de 1.293.500 euros do superávit en obras en todo o municipio, coa intención de iniciar os traballos antes de que remate o ano

Obras na Rúa do Vento, Sanxenxo
Obras na Rúa do Vento, Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo levará ao próximo Pleno ordinario do luns 26 de xullo a aprobación dunha modificación orzamentaria que permitirá o investimento de 1.293.500 euros do superávit en proxectos e obras "moi demandadas e necesarias nas distintas parroquias de Sanxenxo", segundo apuntan fontes municipais.

Trátase dunha parte do remanente de tesourería resultante da liquidación do exercicio de 2021 e 2020 que ascende a 3.861.377 euros.

A relación de proxectos contempla actuacións que teñen un financiamento plurianual, pero o Goberno local ten a intención de licitalos e inicialos antes de que acabe este ano.

 

PLAN DE OBRAS PROXECTADO COA MODIFICACIÓN DO ORZAMENTO:

  • Humanización da Praza Pública de Vilalonga. Destínanse 100.000 euros para un proxecto cuxo custo supera os 700.000 euros.
  • Remodelación da Praza  do Pazo en Sanxenxo. Destínanse 100.000 euros para unha actuación que precisará dun investimento superior a 500.000 euros.
  • Campo de fútbol e festas de Dorrón. Ambos proxectos dótanse cunha primeira anualidade de 30.000 euros e 39.000 euros, respectivamente, para un orzamento total de 200.000 euros aproximadamente por cada proxecto.
  • Primeiro pago para a adquisición dos terreos que se sitúan detrás do Templo Novo que figura no contrato de compravenda asinado co Arcebispado. A partida ascende a 110.000 euros.
  • Redacción do proxecto técnico e as actividades preparatorias precisas para a execución do novo mercado de abastos de Sanxenxo. Resérvase unha partida de 280.000 euros.
  • Peche perimetral do Pazo de Quintáns valorado en 50.000 euros.
  • Execución da segunda fase do pavillón de Nantes na que se inclúe o peche do pavillón. Unha actuación cuxo custo ascende a 275.000 euros.
  • Derriba e acondicionamento da caseta de transformación de Unión Fenosa e das escolas unitarias en Vilalonga. Unha actuación que ascende a 72.000 euros.
  • Axardinamento da Praza de Fonte de Ramos. Destinaranse 50.000 euros.
  • Custo das expropiacións para executar o proxecto do Paseo de Punta Vicaño e a mellora de seguridade viaria na estrada Contumil-Nantes. Resérvase unha partida de 62.500 euros.
  • Remate da obra de urbanización do Revel valorado en 125.000 euros.
  • Reserva de 300.000 euros para a execución da nave multiservizos con diferentes edificios no parque empresarial do polígono de Nantes.