Sanxenxo pon en marcha un taller sobre menopausa dirixido a mulleres de entre 45 a 55 anos

Sanxenxo
11 de outubro 2025

O obxectivo da actividade é acompañar ás mulleres durante esta etapa e ofrecerlles a información necesaria para afrontala de forma saudable e positiva

Comisión pola Saúde de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo, en colaboración con profesionais sanitarios do equipo de Atención Primaria, porá en marcha o primeiro taller sobre menopausa.

O programa, dirixido a mulleres de entre 45 e 55 anos, consta de oito sesións que combinarán charlas informativas e espazos participativos para ofrecer unha visión completa sobre os cambios físicos e emocionais que se producen na perimenopausia e a menopausa.

As sesións desenvolveranse no Pazo Emilia Pardo Bazán, en horario de 10:00 a 11:30 horas, e abordarán temas como a identificación dos síntomas máis frecuentes (sofocos, cambios de humor, alteracións do soño), así como hábitos e estratexias para afrontar esta etapa de maneira saudable e positiva.

A inauguración do taller será o mércores 15 de outubro, coa doutora Laura Alonso Torralbo e a enfermeira Catuxa Lagarón Mallo, quen farán unha presentación sobre a menopausa.

Ao longo das seguintes semanas, expertos como psicólogas, matronas, nutricionistas e técnicos municipais liderarán sesións sobre saúde psicolóxica, sexualidade, alimentación saudable, actividade física e exercicios para fortalecer o solo pélvico.

Desta maneira, o mércores 22 abordarán os cambios na menopausa coas mesmas profesionais sanitarias, o mércores 29 a psicóloga municipal Alejandra Fernández falará sobre as emocións e o coidado, e o día 5 de novembro abordarase a sexualidade coa matrona María Aguilera Núñez.

A sexta sesión celebrarase o 19 de novembro co técnico de Deportes municipal, Nacho Rebollo, que abordará a necesidade dunha actividade física axeitada, mentres que na sétima e última falarase dos exercicios necesarios para fortaleza do solo pélvico, da man da matrona María Aguilera Núñez. Será o 26 de novembro.

O ciclo concluirá o 3 de decembro cunha camiñada saudable.

Para a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, esta iniciativa é "a primeira que pomos en marcha tras moitos meses de traballo e reunións, co obxectivo de ofrecer apoio e resposta a unha realidade feminina marcada por importantes cambios". Así mesmo, destacou a colaboración e profesionalidade do persoal sanitario de Baltar que traballa xunto ao Concello para favorecer a saúde e o benestar da cidadanía.

As inscricións poden realizarse chamando ao teléfono de Servizos Sociais 986 727 901.