O verán aínda está lonxe pero no Concello de Sanxenxo xa traballan coas vistas postas na época estival. Este xoves o alcalde Telmo Martín visitou o parque de Punta Vicaño, entre as vilas de Portonovo e Sanxenxo, onde acaba de concluír a mellora desta zona verde de máis de dúas hectáreas. "No 2017 o parque estaba nunha situación de descoido con árbores enfermas, dous anos e medio despois pode comprobarse o cambio que deu este pulmón despois dun investimento de 160.000 euros", declarou o rexedor.
Nesta zona tallaron os exemplares enfermos e repoboaron con novas árbores, ademais construíron un estanque e adecuaron as zonas axardinadas. "Que veñan gozalo", pediu o popular.
Doutra banda, continúan as obras de mellora do tramo da PO-308 entre Major e Portonovo, que deben estar terminadas en xuño. Despois dunha conversación entre o alcalde e o director da Axencia Galega de Infraestruturas acordaron habilitar un espazo entre a calzada e a senda peonil, nun tramo de 250 metros, para ampliar as prazas de aparcamento nuns 40 vehículos.
A obra realizada neste vial inclúe tres rotondas en Bascuas, Montalvo e Canelas, así como dous tramos de pasarela peonil de madeira en Paxariñas e Montalvo.