Satisfacción no peche de Stock Pontevedra pola alta asistencia ao Recinto Feiral

Pontevedra
01 de febreiro 2016

A feira de oportunidades pechou este domingo unha nova edición na que, estiman, pasaron polo Recinto Feiral de Pontevedra preto de 17.000 persoas

Stock Pontevedra
Stock Pontevedra / Mónica Patxot

Stock Pontevedra pechou este domingo unha nova edición despois de tres días de actividade frenética no Recinto Feiral de Pontevedra.

Pola feira de oportunidades, impulsada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental e Aempe coa colaboración do Concello, pasaron preto de 17.000 persoas ao longo da fin de semana.

Os asistentes puideron gozar de interesantes descontos nos 68 postos instalados, na súa maioría pertencentes ao sector da moda téxtil e calzado, pero tamén se podían atopar postos de fogar, decoración ou antigüidades, entre outros.

Segundo explicou a organización, o 80% dos comerciantes procedían de Pontevedra e a súa área de influencia.

A afluencia de visitantes foi constante durante toda a fin de semana, aínda que a xornada con maior presencia de público foi a do domingo, con momentos de cheo absoluto nas instalacións.