Satisfactorio balance de resultados en catro anos do Programa Integrado de Emprego

Umia
14 de decembro 2020

O alcalde de Cuntis avanzaba que espera manter este tipo de programas en próximas edicións

Reunión de avaliación do programa integrado de emprego Concello de Cuntis

Coa conclusión do ano terminará tamén a cuarta edición do Programa Integrado de Emprego no que participan os Concellos de Cuntis, Caldas, Portas, Barro e Moraña. Unha iniciativa que está financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta.

Durante estas catro anualidades ata 345 persoas en situación de demanda de emprego beneficiáronse da formación para a inserción en diferentes especialidades que ofrece este Programa. O balance da iniciativa considérase satisfactorio xa que a inserción laboral conseguida oscila entre o 40 e o 57% entre os seus beneficiarios.

Das catro anualidades, o exercicio de 2019 foi o que derivou en máis empregos, co 57%; mentres que este ano corrente resultou o menos favorable quedándose no 40%. O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, apuntaba que "o proxecto é moi positivo tal e como demostran as altas cifras de inserción e a pesar das circunstancias tan difíciles ás que nos enfrontamos debido á covid-19 neste último ano".

Ademais de accións formativas transversais e especializadas, o Programa inclúe prácticas laborais en empresas de diferentes sectores e situadas nesta comarca. A intención que manifestou o alcalde de Cuntis é a de continuar en próximas edicións con este tipo de programas.