Saúde, educación e xogos tradicionais na Illa das Esculturas para combater o uso excesivo das pantallas

Pontevedra
20 de maio 2026

A actividade promoveu a importancia do lecer activo fronte ao sedentarismo e o uso excesivo de pantallas, reforzando mensaxes vinculadas á actividade física, á convivencia e ao benestar emocional

Xogos populares na Illa das Esculturas
Xogos populares na Illa das Esculturas / Xunta de Galicia

O alumnado de 1º da ESO do IES Sánchez Cantón participou nunha investigación centrada na promoción do ocio activo, o xogo compartido e os hábitos saudables. 

Foi na Illa das Esculturas, onde se desenvolveu unha actividade que combinou saúde, educación e xogo tradicional para previr o uso problemático de pantallas na adolescencia.

O proxecto "Aquéjugamos" está financiado polo Instituto de Saúde Carlos III e contou coa colaboración da área sanitaria de Pontevedra a través do centro de saúde Virxe Peregrina.

Así, profesionais de Medicina familiar e comunitaria, Pediatría, Enfermaría e Fisioterapia colaboraron activamente co profesorado do centro educativo no deseño e desenvolvemento das actividades programadas.

A programación da xornada iniciouse coa presentación da actividade, a organización dos equipos e a explicación das normas de participación.

Xogos populares na Illa das Esculturas
Xogos populares na Illa das EsculturasXunta de Galicia

Posteriormente realizouse un quecemento e posicionamento nos campos, coordinado polo persoal do centro de atención primaria Virxe Peregrina e do IES Sánchez Cantón.

Entre as principais actividades desenvolvidas, destacaron os xogos tradicionais da bandeira e o brilé, dinámicas colectivas de fomento de habilidades tales coma a estratexia, o traballo en equipo, a axilidade, os reflexos e a cooperación entre iguais.

A xornada incluíu tamén un descanso saudable así coma a celebración dunha sesión final de relaxación, estiramentos e volta á calma dirixida polos profesionais sanitarios e os docentes participantes.

Durante toda a actividade promoveuse a importancia do lecer activo fronte ao sedentarismo asociado ao uso excesivo de pantallas, reforzando mensaxes vinculadas á actividade física, á convivencia e ao benestar emocional da mocidade.

"Aquéjugamos" busca reducir os riscos asociados ao uso problemático das pantallas e dos videoxogos na adolescencia, unha realidade relacionada con alteracións do sono, dificultades nas relacións sociais, peores resultados académicos e unha maior vulnerabilidade fronte aos problemas de saúde mental.

Xogos populares na Illa das Esculturas
Xogos populares na Illa das EsculturasXunta de Galicia