Se queres comer coma un cromañón tes unha cita en Campo Lameiro

Umia
02 de agosto 2023

O Concello de Campo Lameiro abre o prazo para inscribirse no xantar prehistórico que protagonizará a segunda edición do festival "Laeros" que terá lugar o 20 de agosto e contempla eventos gastronómicos, actividades, música, obradoiros e visitas teatralizadas a petróglifos da contorna

Unha persoa preparando un asado
Unha persoa preparando un asado / Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro abre o prazo para inscribirse no xantar prehistórico que protagonizará a segunda edición do festival "Laeros" que terá lugar o 20 de agosto e contempla eventos gastronómicos, actividades, música, obradoiros e visitas teatralizadas a petróglifos da contorna.

"Laeros" é unha iniciativa divulgadora do municipio como Capital Galega da Arte Rupestre e Capital do Turismo Rural de España 2023 que foi presentada este martes polo alcalde, Carlos Costa, e varios membros do equipo de goberno.

O xantar prehistórico consiste nun asado de vacún que se venderá por lotes de 20 persoas para compartir ou de medio lote, para 10 comensais. No caso do lote completo para 20 persoas, venderase a un prezo de 400 euros e estará composto dun asado costillar, 12 racións de polbo á feira servidas por A Fuchela, 2 bolas de pan, 12 botellas de viño e 8 botellas de auga. 

Para reservar estes lotes e medios lotes deberán dirixirse ao teléfono 886 151 195 ou a través do correo electrónico: [email protected]

O xantar prehistórico estará preparado pola Asociación Costillar A Estaca de San Clemente e poderá ser degustado nas mesas ubicadas no entorno do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR).

Entre as actividades para vivir a época dos petróglifos destaca en primeiro lugar un espazo adicado a obradoiros e exhibicións relacionadas coa cerámica prehistórica, o domingo 20 de agosto pola mañá. Tamén haberá diversos postos de exhibicións de caza e graffitis para os máis novos e, no poboado da Idade do Bronce, unha recreación da vida da Idade do Bronce coa asociación Tir Na n’Og e a veciñanza de Campo Lameiro. O apartado musical farase a partir dunha visita guiada-musical a cargo da Asociación Cultural Musical Cantalúa.

PREMIO DE 200 EUROS EN VALES 

Os promotores desta iniciativa queren darlle maior realce e participación á veciñanza para o cal prégase ás persoas que se acheguen ata o PAAR que o fagan vestidos de época para o cal facilitan varios patróns para poder confeccionar a vestimenta que se poida lucir durante este día.

Para incentivar aínda máis a participación, a organización prevé ofrecer un premio de 200 euros en vales de consumo en establecementos do comercio local de Campo Lameiro para premiar a mellor proposta seleccionada polo xurado de especialistas e que será entregado antes do concerto de Neonymus, previsto para as 21 horas.

Tamén haberá unha pequena feira artesanal composta por unha ducia de postos de emprendedores locais que contribuirán a ambientar a xornada ao tempo que ofrecerán diversos artigos elaborados a man polos seus autores utilizando para elo todo tipo de técnicas artesanais para que o público poida adquirir a bo prezo elementos elaborados polos artesáns da contorna.