Seguimento maioritario nos paros do persoal de limpeza do hospital do Salnés

O Salnés
09 de decembro 2025
Actualizado: 19:07

A folga parcial continuará este mércores 10 de decembro para esixir a equiparación das súas condicións laborais e poñer fin á discriminación que denuncian sufrir dende hai anos

Protesta das traballadoras do servizo de LImpeza no hospital de Vilagarcía
Protesta das traballadoras do servizo de LImpeza no hospital de Vilagarcía / CIG

As traballadoras do servizo de limpeza do hospital de Vilagarcía de Arousa protagonizaron este martes unha nova xornada de paros de dúas horas por quenda para esixir a equiparación das súas condicións laborais e poñer fin á discriminación que denuncian sufrir dende hai anos.

Os paros, desenvolvidos entre as 9:00 e as 11:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas, rexistraron un seguimento maioritario, segundo informou o propio persoal.

As protestas forman parte do calendario de mobilizacións acordado polas asembleas das traballadoras dos hospitais do Salnés, O Barbanza e Virxe da Xunqueira de Cee, tras a falta de respostas por parte do SERGAS ás súas demandas de equiparación laboral, salarial e social co persoal de limpeza dos hospitais de referencia, que xa ten recoñecidos estes dereitos.

Para darlle visibilidade á situación, o persoal concentrouse este martes ás portas do centro hospitalario de Vilagarcía.

A folga parcial continuará este mércores 10 de decembro, e volverá repetirse os días 16, 17, 22, 23, 29 e 30. 

A CIG, sindicato que representa ao persoal, vén de solicitar por escrito reunións cos grupos políticos do Parlamento galego para explicar a situación e explorar posibles iniciativas que permitan avanzar na equiparación. Lembran que, malia realizar o mesmo traballo que o persoal de limpeza doutros hospitais, ás traballadoras de Ribeira, Vilagarcía e Cee non se lles recoñece a integración no grupo E do SERGAS, polo que continúan rexéndose polos convenios provinciais de limpeza, con peores condicións salariais, menores complementos, menos permisos e descansos e unha xornada laboral máis desfavorable.

"É un agravio evidente porque facemos as mesmas funcións e responsabilidades, pero non gozamos dos mesmos dereitos", denuncian dende a CIG, que cualifica de especialmente grabe que esta situación se perpetúe desde a administración pública, en contradición co principio de "a igual traballo, igual salario".

O persoal sostén que manterá as mobilizacións ata que a Dirección Xeral do Sergas acceda a reunirse e abra unha mesa de negociación real para atender unhas reivindicacións que consideran “xustas e necesarias” para poñer fin a unha situación que cualifican de inxusta e discriminatoria.