Segundo accidente con fuga en Poio nunha semana: buscan un Fiat Punto branco por provocar a caída dun ciclista

Poio
21 de novembro 2023

A Policía Local de Poio pide colaboración cidadá para localizar un condutor implicado nun accidente na avenida Encoirados. Un turismo realizou un cambio de dirección, fixo frear de forma brusca o condutor dunha bicicleta e provocou a caída. O ciclista quedou tirado na calzada e resultou lesionado

Ciclista implicado no accidente
Ciclista implicado no accidente / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio pide colaboración cidadá para localizar un condutor implicado nun accidente na avenida Encoirados que se deu á fuga. Esta alerta é a segunda destas características en tan só sete días, unha vez que o pasado martes tamén se rexistrou un sinistro entre un turismo e unha moto cun condutor fugado.

Nesta ocasión, o accidente produciuse sobre as 14:15 horas entre un turismo e un ciclista que circulaban en dirección a Pontevedra.

Segundo a información facilitada pola Policía Local, o turismo realizou un cambio de dirección, fixo frear de forma brusca o condutor da bicicleta e provocou a caída do mesmo.

A continuación, o turismo continuou a marcha, dándose á fuga. 

O ciclista quedou tirado na calzada e resultou lesionado. Foi trasladado a un centro médico por unha ambulancia do 061.

A Policía Local iniciou unha investigación para aclarar a causa do sinistro e busca un Fiat Punto de cor branco. Pide á poboación que avise se ten algún dato do accidente ou do vehículo.