Segundo adiamento da Semana Galega da Filosofía pola Covid-19: "Non se podería levar a cabo coas garantías suficientes"

Pontevedra
23 de xullo 2020

A Aula Castelao de Filosofía suspende o evento porque considera que as autoridades educativas acaban de estabelecer un protocolo "moi cuestionado polo profesorado" para o comezo das aulas á volta do verán, e dadas as advertencias sobre previsibles rebrotes do coronavirus logo das vacacións 

Inauguración da Semana galega de filosofía 2019
Inauguración da Semana galega de filosofía 2019 / Mónica Patxot

A Aula Castelao de Filosofía acaba de verse abocada a suspender, por segunda vez este ano, a celebración da Semana Galega de Filosofía. A cita estaba prevista para a semana do 13 ao 17 de abril e, coa irrupción a pandemia da Covid-19, adiaron a súa celebración a setembro. Agora, acaban de decidir volver adiala, nesta ocasión xa ata o ano próximo, 2021. 

Desde a Aula Castelao explican que optaron por esta cancelación debido a que despois de rematado o actual curso académico e que as autoridades educativas acaban de estabelecer un protocolo "moi cuestionado polo profesorado" para o comezo das aulas á volta do verán, e dadas as advertencias das autoridades sanitarias sobre previsíbeis rebrotes do coronavirus logo das vacacións. 

Segundo explican, consideran que nesas circunstancias a realización da Semana de Filosofía en setembro "non se podería levar a cabo coas garantías suficientes" que fagan prever o seu normal desenvolvemento

Así, os organizadores chaman a atención sobre a circunstancia de que a Semana Galega da Filosofía conta cunha alta participación do profesorado, un colectivo que, na súa opinión, ten un protocolo con "garantías insuficientes" á hora de reincorporarse ao seu labor educativo. 

Ademais, insisten en que a Semana Galega de Filosofía ten unha dimensión social, de encontro e debate que se prolonga mesmo no exterior da sala de conferencias, e que lle dá un especial atractivo a esta actividade, pois entre os seus obxectivos está o de fomentar a discusión e contraste de opinións, non só cos relatores e coas relatoras, senón tamén entre os asistentes.

De cara á nova edición en 2021, a XXXVII Semana Galega de Filosofía terá o mesmo programa da agora cancelada, 'Filosofía e Civilización Dixital'. Celebrarase xusto despois de Semana Santa, do 5 ao 9 de abril. 

A Aula Castelao de Filosofía tamén acaba de elixir un novo coordinador. Ana Ruth Regueira García deixa a coordinación tras seis anos e será substituída por Alexandre Cendón González, membro da Aula e tamén profesor de Filosofía no ensino secundario.